Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX
Mostrando entradas con la etiqueta recursos educativos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta recursos educativos. Mostrar todas las entradas

30 de noviembre de 2011

Galicia a comezos do século XX

Desde o 27 de outubro temos na Praza Maior de Ourense unha das exposicións máis interesantes deste último ano: a colección de fotografías sobre Galicia de Ruth Matilda Anderson.

Ruth Matilda Anderson foi unha fotografa e etnógrafa estadounidense, membra da Hispanic Society of America de Nova Iork, que visitou Galicia entre os anos 1924 e 1926. Durante a súa estancia rexistrou en imaxes o modo de ser e de vivir dos galegos daquela época.

As fotografias están organizadas en varios apartados: lugares, oficios, xentes, medios de transporte,... E acaban por conformar unha imaxe global da dureza e, por suposto, beleza daqueles tempos.

As imaxes que máis chaman a nosa atención soen ser as de monumentos ou lugares que aínda hoxe existen, pois descubrimos que os espazos que coñecemos non son inmutables e cambiaron ao longo da historia. Como mostra observade a fotografía da dereita: un mercado de olería aos pés da muralla de Lugo.

Pero o resto da exposición non merece desperdicio ningún! Os costumes, os traballos, as festas, as vivendas,.... todo o mundo dos nosos antergos ao alcance dos nosos ollos. Podemos observar a convivencia de animais, homes e mulleres baixo o mesmo teito, as festas das tabernas, os carros de bois compartindo a rúa do Paseo cos primeiros autobuses,... Vale a pena achegarse!


Ademais a exposición ten outro valor engadido: observar os cambios que sufriu Galicia nos últimos 80 anos. A comparación das fotografias coa actualidade é inevitable e, ás veces, compróbase que os cambios non son todos para mellor. Atentos á comparativa do Berbés en Vigo:



RUTH MATILDA ANDERSON
Praza Maior de Ourense

Ata o 8 de xaneiro

Horario:

De luns a venres
de 17:30 a 20:30 h

Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17:30 a 20:30 h

23 de noviembre de 2011

Íberos, unha exposición prerromana

Durante as próximas semanas teremos a oportunidade de visitar na nosa cidade a exposición "Íberos, a nosa civilización antes de Roma". A mostra ten a intención de amosarnos dun xeito ameno os aspectos máis relevantes desta cultura que se estendeu na península Ibérica desde o s. VI a.C. ata o II a.C.

Na exposición poderemos contemplar reconstrucións de xacementos (como un forno de alfareiro ou unha tumba), maquetas e copias de pezas da cultura íbera. Incluso hai un diorama con dous guerreiros íberos a tamaño natural!


Reconstrucción dun axuar funerario íbero.

A civilización íbera foi en realidade un conxunto de pobos que compartían as mesmas características culturais, moi influenciadas polo contacto con outras xentes do Mediterráneo oriental: fenicios e gregos. Non obstante, descoñecemos o nome que os íberos se daban a si mesmos posto que os seus escritos seguen sen descifrar.

A sociedade íbera estaba dirixida por unha caste de gobernantes guerreiros que organizaba o territorio e controlaba as relacións comerciais. Este control era exercido desde a seguridade de cidades fortificadas coñecidas como oppidum, aínda que gran parte da poboación vivía en aldeas máis pequenas.

Pero o lugar máis importante para un íbero era a casa. Na casa reuníase a familia, cociñábase, durmíase, traballábase (posto que incluía os talleres artesanais baixo o mesmo teito) e se adoraba aos deuses e os antepasados.



ÍBEROS, A NOSA CIVILIZACIÓN ANTES DE ROMA
Alameda de Ourense

Ata o 13 de decembro

Horario:

De luns a venres
de 12:30 a 14 h
e de 17 a 21 h


Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17 a 21:00

VISITAS GUIADAS SÁBADOS, DOMINGOS E FESTIVOS
ÁS 12 E ÁS 18 H

11 de junio de 2011

O Museo Virtual de 4º E.S.O.


Os alumnos e alumnas de 4º de E.S.O. levaron a cabo un custoso traballo de investigación e recopilación sobre a ciencia, a cultura e a arte do s.XIX.

O traballo tiña como obxectivo a planificación dun auténtico museo virtual sobre aquel século tan cargado de innovacións. E o resultado foi espectacular: decenas de novos inventos sacados á luz, extensas bibliografías sobre os pensadores máis destacados, obxetos exóticos traídos polos máis aguerridos exploradores, marabillosas obras de arte... Un verdadeiro templo de sabedoría!

Deixamos acó unhas imaxes que dan boa conta do seu esforzo.

A entrada á sala dos inventos.

Imaxes do Imperio Chinés cedidas pola exploradora Ana Esteban.

O cartel que anuncia a sala das exploracións africanas, realizado por Antonio Cañizo.











A obra de Joaquín Sorolla Paseo por la playa foi donada por Nerea González.








Sandra Somastre quixo destacar a influencia da pintura xaponesa sobre Gauguin coa obra Visión tras o sermón.

E non son máis que algunhas mostras... Oxala puidésemos amosar todo o conseguido!

26 de abril de 2011

Historia na banda deseñada

A banda deseñada, o comic, o tebeo, a historieta... Considerado por moitos coma a novena arte, o comic tense achegado a moitos temas en diversas épocas: desde as historias cómicas do xenial Francisco Ibáñez ata as viaxes universais de Hugo Pratt e o seu mítico Corto Maltés. E como era de agardar, o comic tamén se achegou ao pasado e intentou facer Historia.

Corto Maltés e Rasputín, dúas personaxes de Hugo Pratt que se converten en testemuñas dos comezos do século XX.


A maior parte dos cómics (por sorte) "unicamente" pretenden contar unha historia, pero ás veces esa historia convértese en Historia, ben sexa pola súa ambientación, polas personaxes ou polo tempo no que ocorre. É por iso que aínda que non o pretendan moitos cómics poden sernos útiles á hora de entender un momento ou un feito histórico.

Un dos cómics máis aclamados neste sentido é MAUS, que non debería faltar na colección de calquer afeccionado ao xénero. O seu autor, Art Spiegelman, trasmítenos en viñetas a experiencia do seu pai supervivinte do Holocausto nazi. A través das súas páxinas Spiegelman trasládanos á Polonia de mediados do século pasado e conta toda a tolemia e desesperación vividas naquel tempo. Cun ritmo e un estilo únicos (no que os xudeos están representados coma ratos e os alemáns coma gatos) o libro é capaz de trasmitir os sentementos, as angurias e as pequenas vitorias dunha antiga familia do Leste europeo que loita por sobrevivir. Impresiona máis aínda se temos en conta que é unha historia puramente real, contada polo personaxe principal ao seu propio fillo, o autor. Por todo isto, creo que MAUS é un libro moi recomendable para todo aquel interesado en aprender a historia do século XX. Hai moitos máis, pero este é un dos meus favoritos.


8 de abril de 2011

Colección Zanchi: os grandes mestres da pintura en Ourense

A colección Zanchi, unha das máis importantes coleccións de arte moderna europea, achega parte dos seus fondos a Ourense. Non se pode deixar pasar a oportunidade de admirar de preto obras de Rubens, Miguel Anxo, Caravaggio ou Coello.

ANDREA MANTEGNA, A virxe e o neno


CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA
Praza Maior de Ourense

Ata o 1 de maio

Horario:

De luns a venres de 18:00 a 21:00 h

Sábados, domingos e festivos

de 11:00 a 14:00
e de 18: a 21:00


VISITAS GUIADAS TODOS OS DÍAS ÁS 19:00 AGÁS OS DOMINGOS QUE SON ÁS 18:00

8 de febrero de 2011

Un "museo global" no ordenador

Prestade moita atención a esta nova aplicación de Google: The Art Project.

http://www.googleartproject.com/

Nesta páxina estanse a recompilar as obras mestras dalgúns dos máis importantes museos do mundo. Á parte de ser un inmellorable recurso para o estudo da historia da arte, é un proxecto dunha beleza abrumadora.

Probade o zoom (aparece no recadro inferior-esquerda) e quedaredes abraiados!