Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX
Mostrando entradas con la etiqueta historia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta historia. Mostrar todas las entradas

4 de marzo de 2012

A Historia en playmobil

Durante as últimas semanas puidose visitar en Burgos unha curiosa exposición de xoguetes na que se recreaban varias etapas históricas...utilizando unicamente componentes de playmobil!

O resultado, ademais de simpático, é espectacular. Aí tedes unhas mostras:

A Roma imperial, con arco do triunfo, templo e termas incluídas!


Festa viquinga...coas armas na man, por se acaso...


A Guerra de Independencia contras as tropas de Napoelón.
Fixédevos no cura coa sartén en primeira liña.


As tropas unionistas e confederadas nunha batalla da Guerra de Secesión americana.

Dan ganas de coller os vellos xoguetes e probar por nós mesmos! Anímovos a elo. Probade a recrear algunha escena histórica con calquer tipo de xoguete e enviar por correo os resultados.

7 de diciembre de 2011

Os contacontos, un beneficio para a saúde.

Quen non se quedou nunca fascinado polas chamas dunha cacharela? Parece que o lume ten algo hipnótico, un aquel engaiolante que nos fascina...


Durante os longos e escuros séculos da Idade Media, o lume dos fogares era un elemento indispensable: cociñaba os alimentos, era a única luz das noites e reunía ás familias no inverno. Lembrade que naquela época non existía a iluminación eléctrica e polo tanto as noites resultaban moito máis escuras, longas e inquietantes. Na maioría das casas non se podían permitir ter acesas as velas, polo que as cacharelas se convertían na luz, a calor e o entretemento de todos.

Esto era especialmente certo durante o inverno, a única época do ano na que os campesiños podían descansar e pasar máis tempo na casa, protexidos do frío. Era daquela cando adultos e nenos buscaban sitio xunto ao lume, e un deles comezaba a tecer historias. As historias eran fundamentais para pasar o inverno. O vellos recitaban romances de cabaleiros e lendas de santos, os homes comentaban coas mulleres as novidades do ano que remataba, os irmáns maiores asustaban aos pequenos con contos de ogros, dragóns e demos. Se o ano fora bo e había comida suficiente o inverno podía ser ata agradable.


Nos poucos calendarios medievais que se conservan (como este do panteón dos reis de San Isidoro de León) os meses de inverno son representados cunha figura fronte a un fogo. Nesta ocasión o personaxe está bebendo viño e comendo pan, en agradecemento ao bo ano pasado e coa esperanza de que o seguinte sexa aínda mellor.


Tan importantes foron os contos e as lendas durante a Idade Media que un dos máis afamados médicos musulmáns do século XI, Abu-I Hassán al-Mujtar ibn Butlán, falaba na súa obra Theatrum Santitatis dos saudables beneficios que aportaba escoitar a un bo narrador de contos.

Para pasar ben este inverno e mellorar a nosa saúde invítovos a seguir as páxinas do blog durante os próximos meses, nos que presentaremos algunhas das historias que eran repetidas unha e outra vez diante dos fogares medievais...

11 de junio de 2011

O Museo Virtual de 4º E.S.O.


Os alumnos e alumnas de 4º de E.S.O. levaron a cabo un custoso traballo de investigación e recopilación sobre a ciencia, a cultura e a arte do s.XIX.

O traballo tiña como obxectivo a planificación dun auténtico museo virtual sobre aquel século tan cargado de innovacións. E o resultado foi espectacular: decenas de novos inventos sacados á luz, extensas bibliografías sobre os pensadores máis destacados, obxetos exóticos traídos polos máis aguerridos exploradores, marabillosas obras de arte... Un verdadeiro templo de sabedoría!

Deixamos acó unhas imaxes que dan boa conta do seu esforzo.

A entrada á sala dos inventos.

Imaxes do Imperio Chinés cedidas pola exploradora Ana Esteban.

O cartel que anuncia a sala das exploracións africanas, realizado por Antonio Cañizo.











A obra de Joaquín Sorolla Paseo por la playa foi donada por Nerea González.








Sandra Somastre quixo destacar a influencia da pintura xaponesa sobre Gauguin coa obra Visión tras o sermón.

E non son máis que algunhas mostras... Oxala puidésemos amosar todo o conseguido!

26 de abril de 2011

Historia na banda deseñada

A banda deseñada, o comic, o tebeo, a historieta... Considerado por moitos coma a novena arte, o comic tense achegado a moitos temas en diversas épocas: desde as historias cómicas do xenial Francisco Ibáñez ata as viaxes universais de Hugo Pratt e o seu mítico Corto Maltés. E como era de agardar, o comic tamén se achegou ao pasado e intentou facer Historia.

Corto Maltés e Rasputín, dúas personaxes de Hugo Pratt que se converten en testemuñas dos comezos do século XX.


A maior parte dos cómics (por sorte) "unicamente" pretenden contar unha historia, pero ás veces esa historia convértese en Historia, ben sexa pola súa ambientación, polas personaxes ou polo tempo no que ocorre. É por iso que aínda que non o pretendan moitos cómics poden sernos útiles á hora de entender un momento ou un feito histórico.

Un dos cómics máis aclamados neste sentido é MAUS, que non debería faltar na colección de calquer afeccionado ao xénero. O seu autor, Art Spiegelman, trasmítenos en viñetas a experiencia do seu pai supervivinte do Holocausto nazi. A través das súas páxinas Spiegelman trasládanos á Polonia de mediados do século pasado e conta toda a tolemia e desesperación vividas naquel tempo. Cun ritmo e un estilo únicos (no que os xudeos están representados coma ratos e os alemáns coma gatos) o libro é capaz de trasmitir os sentementos, as angurias e as pequenas vitorias dunha antiga familia do Leste europeo que loita por sobrevivir. Impresiona máis aínda se temos en conta que é unha historia puramente real, contada polo personaxe principal ao seu propio fillo, o autor. Por todo isto, creo que MAUS é un libro moi recomendable para todo aquel interesado en aprender a historia do século XX. Hai moitos máis, pero este é un dos meus favoritos.


13 de abril de 2011

80º Aniversario da proclamación da IIª República

Todo comezara dous días antes.

As eleccións municipais do 12 de abril tiveran uns resultados sorprendentes: nas capitais de provincia gañaban amplamente os concelleiros repúblicanos. Os españois castigaban así ao rei Alfonso XIII polo seu apoio á ditadura de Primo de Rivera.

A partir dese momento todo parece precipitarse e o almirante Aznar, xefe do Estado, presenta a demisión ante o rei. Cando lle preguntaron se había motivos para abandonar o seu cargo, se realmente se podía considerar que o goberno pasaba por unha crise, Aznar resposta:

-"Que máis crise desexan vostedes que un país que se acosta monárquico e se levanta republicano?"

O 14 de abril de 1931, fracasados os intentos de Alfonso XIII por estabilizar a situación, a multitude toma as rúas de Madrid e agarda impaciente. Hai noticias de que nalgúns concellos xa ondea a bandeira da República desde esa mesma mañá.

Ao fin, xa avanzada a tarde e coa xente abarrotando as avenidas, súbidas ás árbores e aos tranvias, Niceto Alcalá Zamora proclama oficialmente na Puerta del Sol a IIª República Española.

Comezaba unha etapa crucial para a historia española...



Vídeo sobre a proclamación da IIª República da serie de TVE Memoria de España, con imaxes históricas nas que se capta perfectamente o ambiente daquel día.

28 de marzo de 2011

Cambios a toda máquina

Estamos habituados a pensar que vivimos nunha época de cambios rápidos e constantes coma ningunha outra, pero coma sempre a Historia ten algo que recordar. Século XIX, en plena segunda Revolución Industrial: novos inventos xurden case a diario, as innovacións quedan axiña desfasadas e os grandes capitais compiten por levar a dianteira tecnolóxica. A poboación non sae do seu asombro ante as continuas novidades que se lle presentan ante os ollos.
Coma mostra...

Marzo de 1892: xógase o primeiro partido público de baloncesto en Estados Unidos.

Marzo do mesmo ano: Jesse Reno patenta a escaleira mecánica.


Marzo de 1895: o irmáns Lumière presentan ante a Sociedade para o Fomento da Industria Nacional francesa un invento que revolucionara o mundo, o cinematógrafo. Naquela sesión proxectáronse as primeiras imaxes en movmento da Historia: Saída dos obreiros da fábrica Lumière en Lyon Monplaisir.


Chegada do tren á estación

Premede nos títulos para ver as filmacións dos Lumière.


Marzo de 1899: Gugliemo Marconi asombra unha vez máis ao mundo establecendo conexión telegrafica entre Francia e Reino Unido.

Marzo do mesmo ano: a compañía alemana Bayer patenta a aspirina, un dos produtos máis recoñecidos da nacente industria farmaceutica.


E moitas, moitas máis efemérides que amosan a voráxine daquel século que hoxe consideramos antigo.

11 de marzo de 2011

Un dragón medieval

A vila de Klagenfurt, no sur de Austria, posúe unha curiosa lenda sobre a súa fundación. Antes de que os campesiños se instalaran aló o lugar era unha inmensa marisma chea de pantanos e areas perigosas. Pero o maior dos perigos era o Lindwurm, un monstruoso verme que devoraba a todo aquel que entrara nos seus dominios.

Os caba
leiros do señor feudal decidiron acabar co Lindwurm. Construíron unha torre no pantano e na súa cima colocaron unha tenreira encadeada a un enorme garfio. Cando o Lindwurm devorou ao animal dun so bocado quedou preso no garfio, e os cabaleiros acabaron con el cravándolle as súas longas lanzas.

Morto o monstro, aquelas terras voltaron ser seguras e puido comezarse a construción da vila de Klagenfurt. A le
nda aínda se lembra no escudo da vila, e nunha fonte que representa ao dragón no centro de Klagenfurt.

Pero o que diferencia esta historia de outras moi
semellantes é que durante moitos séculos conservouse en Klagenfurt o cranio do dragón. Efectivamente, os cidadáns da vila conservaban e amosaban con orgullo os restos do monstro que mataran os seus antepasados. De feito, a estatua que aínda hoxe representa ao dragón seguiu como modelo os propios ósos do Lindwurm.

Na actualidade sabemos que os ósos conservados non pertenceron a ningún dragón, aínda que si a un animal monstruoso. O cranio que veneraban os ha
bitantes de Klagenfurt era dun Rinoceronte lanudo (Coelodonta antiquitatis) atopado no pantano en 1335.

Iso si, durante moito tempo os comerciantes de Klagenfurt beneficiáronse do cranio e de todos os visitantes que acudían en masa a observar os ósos do "dragón".





22 de febrero de 2011

Trinta anos do 23 F

O 23 de febreiro de 1981, tras meses de conspiracións e conversas a media voz, un grupo de membros das Forzas Armadas irrumpe na vida política con intención de redirixir o proceso de transición do Estado español.

A entrada do tenente coronel Antonio Tejero, pistola en man, no Congreso dos Deputados durante a votación é unha imaxe para a historia.

Grazas a un operario de TVE que tivo o valor de continuar coa grabación das cámaras, hoxe posuimos un documento histórico de primeira man:

Vídeo: Tejero entra no hemiciclo

Hai cen anos...

Para comprender e valorar a nosa sociedade de vez en cando é necesario botar unha ollada ao pasado. Ás veces, non podemos reprimir o sorriso. Atención á noticia que o 22 de febreiro de 1911 se podía ler en gran parte da prensa española:


"Los modistos de Francia y España polemizan sobre el futuro de la moda y concretamente sobre el uso del pantalón por parte de las mujeres. Los que se han manifestado en contra de esta moda son los madrileños, ya que ayer se originó un enorme incidente cuando en la calle Mayor se presentó una mujer con falda pantalón. Comenzó a reunirse numeroso público en torno a esa mujer, que era objeto de insultos e improperios. Los guardias municipales tuvieron que disolver a los grupos de alborotadores mientras la mujer buscaba refugio en un establecimiento. "
Diario de Cádiz

O escándalo de hai cen anos en Madrid hoxe parécenos cómico.Pode ser unha reflexión interesante: cantas das cousas que hoxe nos escandalizan serán no futuro motivo de gargalladas?