Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

7 de diciembre de 2011

Os contacontos, un beneficio para a saúde.

Quen non se quedou nunca fascinado polas chamas dunha cacharela? Parece que o lume ten algo hipnótico, un aquel engaiolante que nos fascina...


Durante os longos e escuros séculos da Idade Media, o lume dos fogares era un elemento indispensable: cociñaba os alimentos, era a única luz das noites e reunía ás familias no inverno. Lembrade que naquela época non existía a iluminación eléctrica e polo tanto as noites resultaban moito máis escuras, longas e inquietantes. Na maioría das casas non se podían permitir ter acesas as velas, polo que as cacharelas se convertían na luz, a calor e o entretemento de todos.

Esto era especialmente certo durante o inverno, a única época do ano na que os campesiños podían descansar e pasar máis tempo na casa, protexidos do frío. Era daquela cando adultos e nenos buscaban sitio xunto ao lume, e un deles comezaba a tecer historias. As historias eran fundamentais para pasar o inverno. O vellos recitaban romances de cabaleiros e lendas de santos, os homes comentaban coas mulleres as novidades do ano que remataba, os irmáns maiores asustaban aos pequenos con contos de ogros, dragóns e demos. Se o ano fora bo e había comida suficiente o inverno podía ser ata agradable.


Nos poucos calendarios medievais que se conservan (como este do panteón dos reis de San Isidoro de León) os meses de inverno son representados cunha figura fronte a un fogo. Nesta ocasión o personaxe está bebendo viño e comendo pan, en agradecemento ao bo ano pasado e coa esperanza de que o seguinte sexa aínda mellor.


Tan importantes foron os contos e as lendas durante a Idade Media que un dos máis afamados médicos musulmáns do século XI, Abu-I Hassán al-Mujtar ibn Butlán, falaba na súa obra Theatrum Santitatis dos saudables beneficios que aportaba escoitar a un bo narrador de contos.

Para pasar ben este inverno e mellorar a nosa saúde invítovos a seguir as páxinas do blog durante os próximos meses, nos que presentaremos algunhas das historias que eran repetidas unha e outra vez diante dos fogares medievais...

No hay comentarios:

Publicar un comentario