Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

13 de diciembre de 2011

Lendas medievais I: a viaxe de San Brandán

Unha das historias máis repetidas na Europa atlántica durante a Idade Media é a saga do monxe San Brandán, un auténtico bestseller da época. Hoxe en día aínda se conservan algúns códices medievais que narran o que daquelas se coñecía como a Navigatio Sancti Brendani, o relato das aventuras que San Brandán vive durante a súa viaxe polo océano Atlántico.

Segundo a historia, escrita seguramente no século IX, San Brandán foi un monxe irlandés que se fixo á mar cos seus compañeiros de mosteiro para atopar o Paraíso. Durante a súa viaxe San Brandán protagoniza todo tipo de episodios, pero sen dúbida o favorito das xentes medievais era este:

"Ao chegar a unha nova illa, a nave na que viaxaban parou antes de tocar a costa. San Brandán díxolle entón aos sus irmáns que saltasen ao mar e tirasen da nave con cordas para poder achegala á praia. A illa era pedregosa e sen herba. Víase un bosque moi pequeno no cumio da illa, pro non había ningún tipo de vexetación máis.

Mentres o resto de monxes montaba o acampamento, San Brandán quedou sentado, pois sabía cál era aquela illa, pero non quixo dicilo para que os seus irmáns non temesen.

Á mañá seguinte, e como todos os días, San Brandán preparábase para celebrar a misa na nave. Pero algúns dos monxes quixeron almorzar antes de oilo e sacaran da nave carne e peixes crus que trouxeran consigo da outra illa. Querían botar os alimentos nun caldeiro e cocelos, pero ao preder a leña...toda a illa comezou a moverse como unha onda!

Os monxes correron para a nave suplicando a protección de San Brandán mentres el os subía pola borda arrastrándoos das mans.

Tan rápido foi todo que abandonaron na illa toda a comida e comezaron a navegar, co medo dentro do corpo. Desde lonxe viron como a illa era arrastrada mar adentro, ata que afundiu nas profundidades facendo un grande rebumbio.

San Brandán explicoulles aos irmáns que era aquel prodixio , dicindo:

-Irmáns, sorprendédesvos do que fixo esta illa?

Din os monxes entre tremores:

-Estamos máis que sorprendidos, estamos atemorizados.

El díxolles:

-Fillos, non temades, pois Deus reveloume mediante unha visión o misterio desta situación: o lugar no que pasamos a noite non é unha illa, senón o maior peixe de todos cantos nadan no mar. Sempre está a buscar a súa cola para mordela e non pode debido á súa enorme lonxitude. Chámase Xasconio."

O relato da viaxe de San Brandán provocou que moitos historiadores se preguntasen se podía ser certa. Algúns aseguraban, e aínda o aseguran, que San Brandán existiu realmente e que algúns capítulos do relato son auténticos.

Durante a navegación, San Brandán volverá outra vez ao pez Xasconio e pasará por outras aventuras: o ataque do monstro Grifa, a visita á illa dos ferreiros (que algúns historiadores afirman que podería ser Islandia cos seus volcáns cuspindo lava), a visión dunha igrexa de cristal sobre o mar (un iceberg?), o encontro con Xudas e, finalmente, a chagada ao Paraiso (América?).


Puido San Brandán confundir un iceberg cunha igrexa de cristal?

A pegada desta viaxe, auténtica ou imaxinada, foi visible durante moito tempo: ata o século XVII aparecía nos mapas a illa móbil de San Brandán e aínda hoxe, nas Illas Canarías, se fala dunha illa misteriosa.

Aparte da polémica sobre a veracidade da viaxe, o que está claro é que o mito de San Brandán foi unha das lendas que se escoitaban xunto ao lume durante os invernos medievais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario