Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

13 de diciembre de 2011

Lendas medievais I: a viaxe de San Brandán

Unha das historias máis repetidas na Europa atlántica durante a Idade Media é a saga do monxe San Brandán, un auténtico bestseller da época. Hoxe en día aínda se conservan algúns códices medievais que narran o que daquelas se coñecía como a Navigatio Sancti Brendani, o relato das aventuras que San Brandán vive durante a súa viaxe polo océano Atlántico.

Segundo a historia, escrita seguramente no século IX, San Brandán foi un monxe irlandés que se fixo á mar cos seus compañeiros de mosteiro para atopar o Paraíso. Durante a súa viaxe San Brandán protagoniza todo tipo de episodios, pero sen dúbida o favorito das xentes medievais era este:

"Ao chegar a unha nova illa, a nave na que viaxaban parou antes de tocar a costa. San Brandán díxolle entón aos sus irmáns que saltasen ao mar e tirasen da nave con cordas para poder achegala á praia. A illa era pedregosa e sen herba. Víase un bosque moi pequeno no cumio da illa, pro non había ningún tipo de vexetación máis.

Mentres o resto de monxes montaba o acampamento, San Brandán quedou sentado, pois sabía cál era aquela illa, pero non quixo dicilo para que os seus irmáns non temesen.

Á mañá seguinte, e como todos os días, San Brandán preparábase para celebrar a misa na nave. Pero algúns dos monxes quixeron almorzar antes de oilo e sacaran da nave carne e peixes crus que trouxeran consigo da outra illa. Querían botar os alimentos nun caldeiro e cocelos, pero ao preder a leña...toda a illa comezou a moverse como unha onda!

Os monxes correron para a nave suplicando a protección de San Brandán mentres el os subía pola borda arrastrándoos das mans.

Tan rápido foi todo que abandonaron na illa toda a comida e comezaron a navegar, co medo dentro do corpo. Desde lonxe viron como a illa era arrastrada mar adentro, ata que afundiu nas profundidades facendo un grande rebumbio.

San Brandán explicoulles aos irmáns que era aquel prodixio , dicindo:

-Irmáns, sorprendédesvos do que fixo esta illa?

Din os monxes entre tremores:

-Estamos máis que sorprendidos, estamos atemorizados.

El díxolles:

-Fillos, non temades, pois Deus reveloume mediante unha visión o misterio desta situación: o lugar no que pasamos a noite non é unha illa, senón o maior peixe de todos cantos nadan no mar. Sempre está a buscar a súa cola para mordela e non pode debido á súa enorme lonxitude. Chámase Xasconio."

O relato da viaxe de San Brandán provocou que moitos historiadores se preguntasen se podía ser certa. Algúns aseguraban, e aínda o aseguran, que San Brandán existiu realmente e que algúns capítulos do relato son auténticos.

Durante a navegación, San Brandán volverá outra vez ao pez Xasconio e pasará por outras aventuras: o ataque do monstro Grifa, a visita á illa dos ferreiros (que algúns historiadores afirman que podería ser Islandia cos seus volcáns cuspindo lava), a visión dunha igrexa de cristal sobre o mar (un iceberg?), o encontro con Xudas e, finalmente, a chagada ao Paraiso (América?).


Puido San Brandán confundir un iceberg cunha igrexa de cristal?

A pegada desta viaxe, auténtica ou imaxinada, foi visible durante moito tempo: ata o século XVII aparecía nos mapas a illa móbil de San Brandán e aínda hoxe, nas Illas Canarías, se fala dunha illa misteriosa.

Aparte da polémica sobre a veracidade da viaxe, o que está claro é que o mito de San Brandán foi unha das lendas que se escoitaban xunto ao lume durante os invernos medievais.

7 de diciembre de 2011

Os contacontos, un beneficio para a saúde.

Quen non se quedou nunca fascinado polas chamas dunha cacharela? Parece que o lume ten algo hipnótico, un aquel engaiolante que nos fascina...


Durante os longos e escuros séculos da Idade Media, o lume dos fogares era un elemento indispensable: cociñaba os alimentos, era a única luz das noites e reunía ás familias no inverno. Lembrade que naquela época non existía a iluminación eléctrica e polo tanto as noites resultaban moito máis escuras, longas e inquietantes. Na maioría das casas non se podían permitir ter acesas as velas, polo que as cacharelas se convertían na luz, a calor e o entretemento de todos.

Esto era especialmente certo durante o inverno, a única época do ano na que os campesiños podían descansar e pasar máis tempo na casa, protexidos do frío. Era daquela cando adultos e nenos buscaban sitio xunto ao lume, e un deles comezaba a tecer historias. As historias eran fundamentais para pasar o inverno. O vellos recitaban romances de cabaleiros e lendas de santos, os homes comentaban coas mulleres as novidades do ano que remataba, os irmáns maiores asustaban aos pequenos con contos de ogros, dragóns e demos. Se o ano fora bo e había comida suficiente o inverno podía ser ata agradable.


Nos poucos calendarios medievais que se conservan (como este do panteón dos reis de San Isidoro de León) os meses de inverno son representados cunha figura fronte a un fogo. Nesta ocasión o personaxe está bebendo viño e comendo pan, en agradecemento ao bo ano pasado e coa esperanza de que o seguinte sexa aínda mellor.


Tan importantes foron os contos e as lendas durante a Idade Media que un dos máis afamados médicos musulmáns do século XI, Abu-I Hassán al-Mujtar ibn Butlán, falaba na súa obra Theatrum Santitatis dos saudables beneficios que aportaba escoitar a un bo narrador de contos.

Para pasar ben este inverno e mellorar a nosa saúde invítovos a seguir as páxinas do blog durante os próximos meses, nos que presentaremos algunhas das historias que eran repetidas unha e outra vez diante dos fogares medievais...

30 de noviembre de 2011

Galicia a comezos do século XX

Desde o 27 de outubro temos na Praza Maior de Ourense unha das exposicións máis interesantes deste último ano: a colección de fotografías sobre Galicia de Ruth Matilda Anderson.

Ruth Matilda Anderson foi unha fotografa e etnógrafa estadounidense, membra da Hispanic Society of America de Nova Iork, que visitou Galicia entre os anos 1924 e 1926. Durante a súa estancia rexistrou en imaxes o modo de ser e de vivir dos galegos daquela época.

As fotografias están organizadas en varios apartados: lugares, oficios, xentes, medios de transporte,... E acaban por conformar unha imaxe global da dureza e, por suposto, beleza daqueles tempos.

As imaxes que máis chaman a nosa atención soen ser as de monumentos ou lugares que aínda hoxe existen, pois descubrimos que os espazos que coñecemos non son inmutables e cambiaron ao longo da historia. Como mostra observade a fotografía da dereita: un mercado de olería aos pés da muralla de Lugo.

Pero o resto da exposición non merece desperdicio ningún! Os costumes, os traballos, as festas, as vivendas,.... todo o mundo dos nosos antergos ao alcance dos nosos ollos. Podemos observar a convivencia de animais, homes e mulleres baixo o mesmo teito, as festas das tabernas, os carros de bois compartindo a rúa do Paseo cos primeiros autobuses,... Vale a pena achegarse!


Ademais a exposición ten outro valor engadido: observar os cambios que sufriu Galicia nos últimos 80 anos. A comparación das fotografias coa actualidade é inevitable e, ás veces, compróbase que os cambios non son todos para mellor. Atentos á comparativa do Berbés en Vigo:



RUTH MATILDA ANDERSON
Praza Maior de Ourense

Ata o 8 de xaneiro

Horario:

De luns a venres
de 17:30 a 20:30 h

Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17:30 a 20:30 h

23 de noviembre de 2011

Íberos, unha exposición prerromana

Durante as próximas semanas teremos a oportunidade de visitar na nosa cidade a exposición "Íberos, a nosa civilización antes de Roma". A mostra ten a intención de amosarnos dun xeito ameno os aspectos máis relevantes desta cultura que se estendeu na península Ibérica desde o s. VI a.C. ata o II a.C.

Na exposición poderemos contemplar reconstrucións de xacementos (como un forno de alfareiro ou unha tumba), maquetas e copias de pezas da cultura íbera. Incluso hai un diorama con dous guerreiros íberos a tamaño natural!


Reconstrucción dun axuar funerario íbero.

A civilización íbera foi en realidade un conxunto de pobos que compartían as mesmas características culturais, moi influenciadas polo contacto con outras xentes do Mediterráneo oriental: fenicios e gregos. Non obstante, descoñecemos o nome que os íberos se daban a si mesmos posto que os seus escritos seguen sen descifrar.

A sociedade íbera estaba dirixida por unha caste de gobernantes guerreiros que organizaba o territorio e controlaba as relacións comerciais. Este control era exercido desde a seguridade de cidades fortificadas coñecidas como oppidum, aínda que gran parte da poboación vivía en aldeas máis pequenas.

Pero o lugar máis importante para un íbero era a casa. Na casa reuníase a familia, cociñábase, durmíase, traballábase (posto que incluía os talleres artesanais baixo o mesmo teito) e se adoraba aos deuses e os antepasados.



ÍBEROS, A NOSA CIVILIZACIÓN ANTES DE ROMA
Alameda de Ourense

Ata o 13 de decembro

Horario:

De luns a venres
de 12:30 a 14 h
e de 17 a 21 h


Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17 a 21:00

VISITAS GUIADAS SÁBADOS, DOMINGOS E FESTIVOS
ÁS 12 E ÁS 18 H

10 de noviembre de 2011

Os volcáns, de actualidade...

Nestas últimas semanas as noticias viñan cargadas de referencias aos volcáns. O máis nomeado, pola súa proximidade, foi sen dúbida o chamado "volcán de El Hierro" no arquipélago das Canarias. O que máis chamaba a atención deste volcán era que (ata hai uns poucos días) era invisible: só os tremores de terra, unha gran mancha na superficie do mar e o aumento de gases na atmósfera indicaban que algo estaba pasando.

Pero, por fin, o volcán fixo a súa aparición...


Vídeo da Televisión Autonómica de Canarias


Por que tardou tanto en facerse notar? Ben, para poder comprendelo hai que repasar a orixe e estrutura dos volcáns submarinos.


Lembrade que os volcáns son orixinados por fisuras na codia terrestre, as cales permiten a saída de magma cara a superficie. Pero, que ocorre cando o magma non aparece directamente ao aire libre? Que ocorre co magma liberado baixo o mar? Ocorre o mesmo: o magma arrefría e solidifícase. Simplemente é que non o vemos!

O magma, ao solidificarse, vai formando un cono volcánico cada vez máis grande e alto... ata chegar a emerxer da superficie marina. É o momento no que o volcán se fai visible.

Esto lévanos a outra pregunta... Que ocurrirá a partires de agora se o volcán non deixa de cuspir magma? A resposta é evidente: o cono volcánico será cada día máis grande, acabará por saír á superficie e seguirá expulsando rocha...

E, alehop! Teremos unha nova illa!

Non é a primeira vez que ocorre, claro. Para rematar, aquí vos deixo a imaxe dunha illa orixinada pola erupción dun volcán submarino. Chámase "Surtsey", naceu en Islandia hai 48 anos e na actualidade ocupa unha superficie de 1,41 Km2.

A islandesa illa de Surtsey

Que nome lle poremos á nova illa das Canarias?

30 de junio de 2011

O Lugo dos romanos... Arde Lucus!


Estamos no ano 30 antes de Cristo. Toda Galaecia está ocupada polos romanos...Toda? Si, desde Estaca de Bares ata o río Douro, desde o Finis Terrae ata as chairas de Legio, todo o territorio prospera baixo a sombra de Roma...

Tres cidades controlan o inmenso territorio:
Asturica Augusta, Bracara Augusta e Lucus Augusti. Esta última é a única situada dentro dos límites do que hoxe é Galicia. Na actualidade coñecemos esta antiga cidade polo nome de Lugo. Comezou a súa historia sendo campamento militar, pero a súa privilexiada situación sobre o río Miño fíxoa progresar ata chegar a ser unha das cidades romanas máis importantes do Noroeste da península Ibérica.






Grazas ás escavacións arqueolóxicas sabemos que Lucus Augusti contaba cun gran foro central con templo e basílica; unhas termas de auga quente; un acueduto que abastecía de auga potable; unha ponte que permitía cruzar o Miño; varias domus das familias máis poderosas,...







E por riba de todo,
Lucus Augusti tiña a muralla. O monumento, que hoxe é considerada Patrimonio da Humanidade, foi construído no século III d.C. para defender aos seus habitantes da inestabilidade provocada pola entrada de grupos de bárbaros no Imperio. Hoxe segue a ser espectacular, con ancho abondo para que un carro puidese correr pola súa parte superior.

Recreación infográfica de Lucus Augusti en época baixoimperial

Para conmemorar este pasado glorioso os lucenses celebran cada xuño desde o ano 2001 a festa histórica do Arde Lucus. Durante tres días a cidade volta á Antigüidade e énchese de lexionarios, plebeos, patricios, castrexos, druidas e mercadores. Celébranse xogos e carreiras de cuádrigas, abrénse as tabernae, desfilan as lexións e festéxanse as vodas celtas.



Dan ganas de que pase o ano para poder voltar a Lucus Augusti!

11 de junio de 2011

O Museo Virtual de 4º E.S.O.


Os alumnos e alumnas de 4º de E.S.O. levaron a cabo un custoso traballo de investigación e recopilación sobre a ciencia, a cultura e a arte do s.XIX.

O traballo tiña como obxectivo a planificación dun auténtico museo virtual sobre aquel século tan cargado de innovacións. E o resultado foi espectacular: decenas de novos inventos sacados á luz, extensas bibliografías sobre os pensadores máis destacados, obxetos exóticos traídos polos máis aguerridos exploradores, marabillosas obras de arte... Un verdadeiro templo de sabedoría!

Deixamos acó unhas imaxes que dan boa conta do seu esforzo.

A entrada á sala dos inventos.

Imaxes do Imperio Chinés cedidas pola exploradora Ana Esteban.

O cartel que anuncia a sala das exploracións africanas, realizado por Antonio Cañizo.











A obra de Joaquín Sorolla Paseo por la playa foi donada por Nerea González.








Sandra Somastre quixo destacar a influencia da pintura xaponesa sobre Gauguin coa obra Visión tras o sermón.

E non son máis que algunhas mostras... Oxala puidésemos amosar todo o conseguido!

26 de abril de 2011

Historia na banda deseñada

A banda deseñada, o comic, o tebeo, a historieta... Considerado por moitos coma a novena arte, o comic tense achegado a moitos temas en diversas épocas: desde as historias cómicas do xenial Francisco Ibáñez ata as viaxes universais de Hugo Pratt e o seu mítico Corto Maltés. E como era de agardar, o comic tamén se achegou ao pasado e intentou facer Historia.

Corto Maltés e Rasputín, dúas personaxes de Hugo Pratt que se converten en testemuñas dos comezos do século XX.


A maior parte dos cómics (por sorte) "unicamente" pretenden contar unha historia, pero ás veces esa historia convértese en Historia, ben sexa pola súa ambientación, polas personaxes ou polo tempo no que ocorre. É por iso que aínda que non o pretendan moitos cómics poden sernos útiles á hora de entender un momento ou un feito histórico.

Un dos cómics máis aclamados neste sentido é MAUS, que non debería faltar na colección de calquer afeccionado ao xénero. O seu autor, Art Spiegelman, trasmítenos en viñetas a experiencia do seu pai supervivinte do Holocausto nazi. A través das súas páxinas Spiegelman trasládanos á Polonia de mediados do século pasado e conta toda a tolemia e desesperación vividas naquel tempo. Cun ritmo e un estilo únicos (no que os xudeos están representados coma ratos e os alemáns coma gatos) o libro é capaz de trasmitir os sentementos, as angurias e as pequenas vitorias dunha antiga familia do Leste europeo que loita por sobrevivir. Impresiona máis aínda se temos en conta que é unha historia puramente real, contada polo personaxe principal ao seu propio fillo, o autor. Por todo isto, creo que MAUS é un libro moi recomendable para todo aquel interesado en aprender a historia do século XX. Hai moitos máis, pero este é un dos meus favoritos.


13 de abril de 2011

80º Aniversario da proclamación da IIª República

Todo comezara dous días antes.

As eleccións municipais do 12 de abril tiveran uns resultados sorprendentes: nas capitais de provincia gañaban amplamente os concelleiros repúblicanos. Os españois castigaban así ao rei Alfonso XIII polo seu apoio á ditadura de Primo de Rivera.

A partir dese momento todo parece precipitarse e o almirante Aznar, xefe do Estado, presenta a demisión ante o rei. Cando lle preguntaron se había motivos para abandonar o seu cargo, se realmente se podía considerar que o goberno pasaba por unha crise, Aznar resposta:

-"Que máis crise desexan vostedes que un país que se acosta monárquico e se levanta republicano?"

O 14 de abril de 1931, fracasados os intentos de Alfonso XIII por estabilizar a situación, a multitude toma as rúas de Madrid e agarda impaciente. Hai noticias de que nalgúns concellos xa ondea a bandeira da República desde esa mesma mañá.

Ao fin, xa avanzada a tarde e coa xente abarrotando as avenidas, súbidas ás árbores e aos tranvias, Niceto Alcalá Zamora proclama oficialmente na Puerta del Sol a IIª República Española.

Comezaba unha etapa crucial para a historia española...



Vídeo sobre a proclamación da IIª República da serie de TVE Memoria de España, con imaxes históricas nas que se capta perfectamente o ambiente daquel día.

8 de abril de 2011

Colección Zanchi: os grandes mestres da pintura en Ourense

A colección Zanchi, unha das máis importantes coleccións de arte moderna europea, achega parte dos seus fondos a Ourense. Non se pode deixar pasar a oportunidade de admirar de preto obras de Rubens, Miguel Anxo, Caravaggio ou Coello.

ANDREA MANTEGNA, A virxe e o neno


CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA
Praza Maior de Ourense

Ata o 1 de maio

Horario:

De luns a venres de 18:00 a 21:00 h

Sábados, domingos e festivos

de 11:00 a 14:00
e de 18: a 21:00


VISITAS GUIADAS TODOS OS DÍAS ÁS 19:00 AGÁS OS DOMINGOS QUE SON ÁS 18:00

28 de marzo de 2011

Cambios a toda máquina

Estamos habituados a pensar que vivimos nunha época de cambios rápidos e constantes coma ningunha outra, pero coma sempre a Historia ten algo que recordar. Século XIX, en plena segunda Revolución Industrial: novos inventos xurden case a diario, as innovacións quedan axiña desfasadas e os grandes capitais compiten por levar a dianteira tecnolóxica. A poboación non sae do seu asombro ante as continuas novidades que se lle presentan ante os ollos.
Coma mostra...

Marzo de 1892: xógase o primeiro partido público de baloncesto en Estados Unidos.

Marzo do mesmo ano: Jesse Reno patenta a escaleira mecánica.


Marzo de 1895: o irmáns Lumière presentan ante a Sociedade para o Fomento da Industria Nacional francesa un invento que revolucionara o mundo, o cinematógrafo. Naquela sesión proxectáronse as primeiras imaxes en movmento da Historia: Saída dos obreiros da fábrica Lumière en Lyon Monplaisir.


Chegada do tren á estación

Premede nos títulos para ver as filmacións dos Lumière.


Marzo de 1899: Gugliemo Marconi asombra unha vez máis ao mundo establecendo conexión telegrafica entre Francia e Reino Unido.

Marzo do mesmo ano: a compañía alemana Bayer patenta a aspirina, un dos produtos máis recoñecidos da nacente industria farmaceutica.


E moitas, moitas máis efemérides que amosan a voráxine daquel século que hoxe consideramos antigo.

23 de marzo de 2011

Arqueoloxía por accidente!

Hai mes e medio Manuel, un veciño de Santa Mariña de Augas Santas (no concello de Allariz), esvarou mentres camiñaba por un monte próximo a súa aldea. O golpe deixou ao descuberto uns chanzos de pedra que lle despertaron a curiosidade, así que comezou a limpar de maleza todo o lugar.

A sorpresa foi total: todo un sistema de escadas, bancos e sucos aparecía ante os ollos do señor Manuel. Tanta foi a emoción que el mesmo recoñece que non tivo máis remedio que chorar, acaba de descubrir algo que ningún arqueólogo sospeitaba que existise!

A aldea do señor Manuel chámase Armeá e desde hai moito tempo se sabía da existencia nos seus arredores dun castro, un poboado romano e un "sistema de sauna" da mesma época. Pero o novo achádego é totalmente extraordinario: todo parece confirmar que se trata dos restos do santuario galaico-romano mellor conservado de toda Galicia.
O coñecemento que se obteña do seu estudo pode ser decisivo á hora de escribir a historia galega!

Coidado ao pisar cando andedes polo monte, queda moito pasado por atopar!

11 de marzo de 2011

Un dragón medieval

A vila de Klagenfurt, no sur de Austria, posúe unha curiosa lenda sobre a súa fundación. Antes de que os campesiños se instalaran aló o lugar era unha inmensa marisma chea de pantanos e areas perigosas. Pero o maior dos perigos era o Lindwurm, un monstruoso verme que devoraba a todo aquel que entrara nos seus dominios.

Os caba
leiros do señor feudal decidiron acabar co Lindwurm. Construíron unha torre no pantano e na súa cima colocaron unha tenreira encadeada a un enorme garfio. Cando o Lindwurm devorou ao animal dun so bocado quedou preso no garfio, e os cabaleiros acabaron con el cravándolle as súas longas lanzas.

Morto o monstro, aquelas terras voltaron ser seguras e puido comezarse a construción da vila de Klagenfurt. A le
nda aínda se lembra no escudo da vila, e nunha fonte que representa ao dragón no centro de Klagenfurt.

Pero o que diferencia esta historia de outras moi
semellantes é que durante moitos séculos conservouse en Klagenfurt o cranio do dragón. Efectivamente, os cidadáns da vila conservaban e amosaban con orgullo os restos do monstro que mataran os seus antepasados. De feito, a estatua que aínda hoxe representa ao dragón seguiu como modelo os propios ósos do Lindwurm.

Na actualidade sabemos que os ósos conservados non pertenceron a ningún dragón, aínda que si a un animal monstruoso. O cranio que veneraban os ha
bitantes de Klagenfurt era dun Rinoceronte lanudo (Coelodonta antiquitatis) atopado no pantano en 1335.

Iso si, durante moito tempo os comerciantes de Klagenfurt beneficiáronse do cranio e de todos os visitantes que acudían en masa a observar os ósos do "dragón".





22 de febrero de 2011

Trinta anos do 23 F

O 23 de febreiro de 1981, tras meses de conspiracións e conversas a media voz, un grupo de membros das Forzas Armadas irrumpe na vida política con intención de redirixir o proceso de transición do Estado español.

A entrada do tenente coronel Antonio Tejero, pistola en man, no Congreso dos Deputados durante a votación é unha imaxe para a historia.

Grazas a un operario de TVE que tivo o valor de continuar coa grabación das cámaras, hoxe posuimos un documento histórico de primeira man:

Vídeo: Tejero entra no hemiciclo

Hai cen anos...

Para comprender e valorar a nosa sociedade de vez en cando é necesario botar unha ollada ao pasado. Ás veces, non podemos reprimir o sorriso. Atención á noticia que o 22 de febreiro de 1911 se podía ler en gran parte da prensa española:


"Los modistos de Francia y España polemizan sobre el futuro de la moda y concretamente sobre el uso del pantalón por parte de las mujeres. Los que se han manifestado en contra de esta moda son los madrileños, ya que ayer se originó un enorme incidente cuando en la calle Mayor se presentó una mujer con falda pantalón. Comenzó a reunirse numeroso público en torno a esa mujer, que era objeto de insultos e improperios. Los guardias municipales tuvieron que disolver a los grupos de alborotadores mientras la mujer buscaba refugio en un establecimiento. "
Diario de Cádiz

O escándalo de hai cen anos en Madrid hoxe parécenos cómico.Pode ser unha reflexión interesante: cantas das cousas que hoxe nos escandalizan serán no futuro motivo de gargalladas?

9 de febrero de 2011

Fixeron un mundo mellor...

Os alumnos e alumnas de 4º da E.S.O. realizaron un intenso traballo sobre varias figuras históricas que destacaron polo seu traballo en prol da paz e as liberdades. Unha lista interesante na que aparecían Martin Luther King, Salvador Allende, Pablo Picasso, Rigoberta Menchú e, por suposto, Mahatma Ganhi.

O Día Escolar da Paz e a Non-Violencia mostraron o resultado do seu esforzo e proxectaron os videos realizados por eles mesmos. Deixámosvos no blog un par deles, desfrutádeos!

Gandhi



Autores: Sofía Dominguez e Henrique Rodriguez

Cantautores da Transición



Autores: Nerea González e Álex García



8 de febrero de 2011

Un "museo global" no ordenador

Prestade moita atención a esta nova aplicación de Google: The Art Project.

http://www.googleartproject.com/

Nesta páxina estanse a recompilar as obras mestras dalgúns dos máis importantes museos do mundo. Á parte de ser un inmellorable recurso para o estudo da historia da arte, é un proxecto dunha beleza abrumadora.

Probade o zoom (aparece no recadro inferior-esquerda) e quedaredes abraiados!

3 de febrero de 2011

DÍA DA PAZ


O pasado 28 de xaneiro celebramos xuntos o Día Escolar da Paz e a Non-Violencia. Todo o colexio puxo en común o seu esforzo baixo o lema "Nas nosas mans, é posible".

No acto, cada curso fixo presentación da súa "caixa pola paz", que contiña no seu interior os desexos, compromisos e arelas de cada grupo. A caixa de 4º da E.S.O. acolleu o seguinte texto:

"Paz é…

…que non haxa guerras;

…a felicidade dos demais;

…ser unha persoa boa, amable e xenerosa;

Paz é…

…que as crenzas de cada un non sexan motivo de división;

…a unión contra os que non queren a paz;

…axudar aos que máis o precisan;

Paz é…

…saber vivir, deixar vivir;

…aprender a ser mellores persoas;

…deter a explotación;

Paz é…

…acabar coa avaricia;

…tranquilidade e liberdade;

…ter ganas de conseguila;

…a unión de todos e todas;

Paz é…

…o que precisamos, aínda que semelle un soño.

Pola fin da violencia, polo comezo da paz."


Un texto que, á fin e ao cabo, todos e todas suscribimos.