Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

17 de enero de 2016

Visita á Torre de Hércules

Na nosa visita á Torre de Hércules quixemos facer un exercicio de evocación e voltar ao pasado. Os estudantes de 1º e 2º de E.S.O. crearon as súas propias lendas a partir  das esculutras que rodexan o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento.


O bravo vixiante ártabro
 Baseado nun relato de Caius Pupus,
 adaptado por Martín Fernández e Alejandro Miras

Era un día como outro calquera para os vixiantes ártabros, que escrutaban o horizonte coma sempre en busca de barcos. Os barcos fenicios xa chegaran o día anterior, polo que eles estaban tranquilos.

De súpeto, unha fortísima tormenta comezou a arreciar. 

Como os ventos eran tan fortes, acordaron que un deles  iría a comprobar a situación no poboado. Cando comezou a camiñar dificultosamente, decatouse de que un dos barcos fenicios que chegara anteriormente estaba a piques de afondar polo temporal. 


Entón, o bravo vixiante, sabedor de que os seus compañeiros non podían ver a embarcación debido a que só vixiaban o sur, e non o norte, correu e lanzouse á auga para salvalos. Conseguiu chegar nadando á embarcación tras un extenuante esforzo, pero o temporal aínda se fixo máis forte, e o barco foi arrastrado mar adentro. Todo parecía perdido, pero de súpeto, a tormenta amainou, permitindo a salvación de todos os tripulantes da embarcación. 

Seguramente Xúpiter, admirando a valentía deste bravo ártabro, fixo que a tormenta amainase.