Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

26 de abril de 2011

Historia na banda deseñada

A banda deseñada, o comic, o tebeo, a historieta... Considerado por moitos coma a novena arte, o comic tense achegado a moitos temas en diversas épocas: desde as historias cómicas do xenial Francisco Ibáñez ata as viaxes universais de Hugo Pratt e o seu mítico Corto Maltés. E como era de agardar, o comic tamén se achegou ao pasado e intentou facer Historia.

Corto Maltés e Rasputín, dúas personaxes de Hugo Pratt que se converten en testemuñas dos comezos do século XX.


A maior parte dos cómics (por sorte) "unicamente" pretenden contar unha historia, pero ás veces esa historia convértese en Historia, ben sexa pola súa ambientación, polas personaxes ou polo tempo no que ocorre. É por iso que aínda que non o pretendan moitos cómics poden sernos útiles á hora de entender un momento ou un feito histórico.

Un dos cómics máis aclamados neste sentido é MAUS, que non debería faltar na colección de calquer afeccionado ao xénero. O seu autor, Art Spiegelman, trasmítenos en viñetas a experiencia do seu pai supervivinte do Holocausto nazi. A través das súas páxinas Spiegelman trasládanos á Polonia de mediados do século pasado e conta toda a tolemia e desesperación vividas naquel tempo. Cun ritmo e un estilo únicos (no que os xudeos están representados coma ratos e os alemáns coma gatos) o libro é capaz de trasmitir os sentementos, as angurias e as pequenas vitorias dunha antiga familia do Leste europeo que loita por sobrevivir. Impresiona máis aínda se temos en conta que é unha historia puramente real, contada polo personaxe principal ao seu propio fillo, o autor. Por todo isto, creo que MAUS é un libro moi recomendable para todo aquel interesado en aprender a historia do século XX. Hai moitos máis, pero este é un dos meus favoritos.


13 de abril de 2011

80º Aniversario da proclamación da IIª República

Todo comezara dous días antes.

As eleccións municipais do 12 de abril tiveran uns resultados sorprendentes: nas capitais de provincia gañaban amplamente os concelleiros repúblicanos. Os españois castigaban así ao rei Alfonso XIII polo seu apoio á ditadura de Primo de Rivera.

A partir dese momento todo parece precipitarse e o almirante Aznar, xefe do Estado, presenta a demisión ante o rei. Cando lle preguntaron se había motivos para abandonar o seu cargo, se realmente se podía considerar que o goberno pasaba por unha crise, Aznar resposta:

-"Que máis crise desexan vostedes que un país que se acosta monárquico e se levanta republicano?"

O 14 de abril de 1931, fracasados os intentos de Alfonso XIII por estabilizar a situación, a multitude toma as rúas de Madrid e agarda impaciente. Hai noticias de que nalgúns concellos xa ondea a bandeira da República desde esa mesma mañá.

Ao fin, xa avanzada a tarde e coa xente abarrotando as avenidas, súbidas ás árbores e aos tranvias, Niceto Alcalá Zamora proclama oficialmente na Puerta del Sol a IIª República Española.

Comezaba unha etapa crucial para a historia española...



Vídeo sobre a proclamación da IIª República da serie de TVE Memoria de España, con imaxes históricas nas que se capta perfectamente o ambiente daquel día.

8 de abril de 2011

Colección Zanchi: os grandes mestres da pintura en Ourense

A colección Zanchi, unha das máis importantes coleccións de arte moderna europea, achega parte dos seus fondos a Ourense. Non se pode deixar pasar a oportunidade de admirar de preto obras de Rubens, Miguel Anxo, Caravaggio ou Coello.

ANDREA MANTEGNA, A virxe e o neno


CENTRO SOCIAL NOVACAIXAGALICIA
Praza Maior de Ourense

Ata o 1 de maio

Horario:

De luns a venres de 18:00 a 21:00 h

Sábados, domingos e festivos

de 11:00 a 14:00
e de 18: a 21:00


VISITAS GUIADAS TODOS OS DÍAS ÁS 19:00 AGÁS OS DOMINGOS QUE SON ÁS 18:00