Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

21 de febrero de 2013

Día da Paz 2013

Como é habitual o pasado 30 de xaneiro celebramos no colexio o Día Escolar da Paz e a Non-violencia, unha xornada que pretende honrar a figura de Mahatma Gandhi no aniversario do seu asasinato.

No Guillelme Brown cada curso adicamos o Día da Paz a unha temática diferente, pero todas relacionadas coa non-violencia e a cidadanía responsable. Este ano, por petición expresa do alumnado de secundaria tratamos os dereitos da muller e a loita pola igualdade de xénero.

Tras o tradicional almorzo solidario con produtos de comercio xusto, os alumn@s da E.S.O. fixeron unha posta en común cos traballos e investigacións realizados:

1º da ESO: expoñeu varios traballos sobre a situación da muller en varias etapas históricas. Como era a súa vida cotiá? Cal o seu traballo? Cales os seus dereitos? Como conclusión, todos estiveron de acordo en sinalar que as mulleres estiveron relegadas durante gran parte da historia ao ámbeto familiar e domestico. Ante a evidente pregunta de cando comezou a fraguarse esta situación, os grupos tivérono claro: xa na Prehistoria, ao comezo da Idade dos Metais. (A historia da muller é algo que traballamos polo xeral na asignatura de Ciencias Sociais).

 Un momento da exposición dos grupos de 1º da E.S.O.

2º da ESO: fixo un traballo de recompilación de datos a través de internet, utilizando fundamentalmente os facilitados pola web do Instituto Nacional de la Mujer do goberno de España. Queriamos  saber se hoxe en España existía ou non a igualdade real entre homes e mulleres. O resultado foi claro: as estatísticas e os datos confirman que aínda non acadamos a igualdade. 

Fabiola demostrou que aínda existen traballos considerados másculinos e outros femininos. Pedro explicounos o concepto de brecha salarial (diferencia de soldo entre un home e unha muller en postos similares) demostrando que nalgúns sectores económicos chega ata o 25 %. Daniel centrouse no acceso das mulleres a postos de responsabilidade e chegou á conclusión de que, se ben existe paridade no mundo da política, non ocorre o mesmo nas grandes finanzas: non hai ninguna muller presidenta ou vicepresidenta en ninguna das empresas do Ibex35! A Luz tocoulle lidiar coa violencia de xénero e analizou os datos sobre as vítimas mortais entre os anos 2008 e 20012, desfacendo algún mitos como o de que a maioría dos agresores son de orixe estranxeira.

3º da ESO: analizou a prensa escrita e obtivo os seus propios datos para comprobar que tampouco non medios de comunicación existe igualdade real. En ningún dos cinco xornais analizados (dous de tirada nacional, dous galegos e un local) a porcentaxe de novas sobre mulleres ou o xénero feminino pasaba do 10%.

 Resultado da criba de novas de Álvaro (á dereita as "novas en feminino").

 Ademais, Andrés analizou unha revista dirixida ao público feminino para analizar os temas que nel se trataban. Os temas máis tocados eran moda, vidas privadas, famosos e consellos de cociña, saúde e ocio. Este tema deu pé a un debate sobre as preferencias de alumnos e alumnas coa conlcusión de que os temas que os medios de comunicación consideran de “interese feminino” non corresponden realmente cos más interesantes para as nosas alumnas.

 Un momento do debate.

Para rematar o acto, falamos da campaña “Nobel para Malala” da ONG Axuda en Acción. Trátase dunha iniciativa para presentar a candidatura ao premio Nobel da Paz de Malala Yousafzai, a nena paquistaní que o pasado 9 de outubro recibiu un disparo na cabeza por defender o dereito á educación das nenas no seu país.


Un dos vídeos da campaña de Axuda en Acción sobre a situación da muller no mundo.

 En definitiva, unha xornada ben aproveitada!