Benvido ao blog das ciencias sociais do colexio XXX

30 de noviembre de 2011

Galicia a comezos do século XX

Desde o 27 de outubro temos na Praza Maior de Ourense unha das exposicións máis interesantes deste último ano: a colección de fotografías sobre Galicia de Ruth Matilda Anderson.

Ruth Matilda Anderson foi unha fotografa e etnógrafa estadounidense, membra da Hispanic Society of America de Nova Iork, que visitou Galicia entre os anos 1924 e 1926. Durante a súa estancia rexistrou en imaxes o modo de ser e de vivir dos galegos daquela época.

As fotografias están organizadas en varios apartados: lugares, oficios, xentes, medios de transporte,... E acaban por conformar unha imaxe global da dureza e, por suposto, beleza daqueles tempos.

As imaxes que máis chaman a nosa atención soen ser as de monumentos ou lugares que aínda hoxe existen, pois descubrimos que os espazos que coñecemos non son inmutables e cambiaron ao longo da historia. Como mostra observade a fotografía da dereita: un mercado de olería aos pés da muralla de Lugo.

Pero o resto da exposición non merece desperdicio ningún! Os costumes, os traballos, as festas, as vivendas,.... todo o mundo dos nosos antergos ao alcance dos nosos ollos. Podemos observar a convivencia de animais, homes e mulleres baixo o mesmo teito, as festas das tabernas, os carros de bois compartindo a rúa do Paseo cos primeiros autobuses,... Vale a pena achegarse!


Ademais a exposición ten outro valor engadido: observar os cambios que sufriu Galicia nos últimos 80 anos. A comparación das fotografias coa actualidade é inevitable e, ás veces, compróbase que os cambios non son todos para mellor. Atentos á comparativa do Berbés en Vigo:



RUTH MATILDA ANDERSON
Praza Maior de Ourense

Ata o 8 de xaneiro

Horario:

De luns a venres
de 17:30 a 20:30 h

Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17:30 a 20:30 h

23 de noviembre de 2011

Íberos, unha exposición prerromana

Durante as próximas semanas teremos a oportunidade de visitar na nosa cidade a exposición "Íberos, a nosa civilización antes de Roma". A mostra ten a intención de amosarnos dun xeito ameno os aspectos máis relevantes desta cultura que se estendeu na península Ibérica desde o s. VI a.C. ata o II a.C.

Na exposición poderemos contemplar reconstrucións de xacementos (como un forno de alfareiro ou unha tumba), maquetas e copias de pezas da cultura íbera. Incluso hai un diorama con dous guerreiros íberos a tamaño natural!


Reconstrucción dun axuar funerario íbero.

A civilización íbera foi en realidade un conxunto de pobos que compartían as mesmas características culturais, moi influenciadas polo contacto con outras xentes do Mediterráneo oriental: fenicios e gregos. Non obstante, descoñecemos o nome que os íberos se daban a si mesmos posto que os seus escritos seguen sen descifrar.

A sociedade íbera estaba dirixida por unha caste de gobernantes guerreiros que organizaba o territorio e controlaba as relacións comerciais. Este control era exercido desde a seguridade de cidades fortificadas coñecidas como oppidum, aínda que gran parte da poboación vivía en aldeas máis pequenas.

Pero o lugar máis importante para un íbero era a casa. Na casa reuníase a familia, cociñábase, durmíase, traballábase (posto que incluía os talleres artesanais baixo o mesmo teito) e se adoraba aos deuses e os antepasados.



ÍBEROS, A NOSA CIVILIZACIÓN ANTES DE ROMA
Alameda de Ourense

Ata o 13 de decembro

Horario:

De luns a venres
de 12:30 a 14 h
e de 17 a 21 h


Sábados, domingos e festivos
de 11 a 14 h
e de 17 a 21:00

VISITAS GUIADAS SÁBADOS, DOMINGOS E FESTIVOS
ÁS 12 E ÁS 18 H

10 de noviembre de 2011

Os volcáns, de actualidade...

Nestas últimas semanas as noticias viñan cargadas de referencias aos volcáns. O máis nomeado, pola súa proximidade, foi sen dúbida o chamado "volcán de El Hierro" no arquipélago das Canarias. O que máis chamaba a atención deste volcán era que (ata hai uns poucos días) era invisible: só os tremores de terra, unha gran mancha na superficie do mar e o aumento de gases na atmósfera indicaban que algo estaba pasando.

Pero, por fin, o volcán fixo a súa aparición...


Vídeo da Televisión Autonómica de Canarias


Por que tardou tanto en facerse notar? Ben, para poder comprendelo hai que repasar a orixe e estrutura dos volcáns submarinos.


Lembrade que os volcáns son orixinados por fisuras na codia terrestre, as cales permiten a saída de magma cara a superficie. Pero, que ocorre cando o magma non aparece directamente ao aire libre? Que ocorre co magma liberado baixo o mar? Ocorre o mesmo: o magma arrefría e solidifícase. Simplemente é que non o vemos!

O magma, ao solidificarse, vai formando un cono volcánico cada vez máis grande e alto... ata chegar a emerxer da superficie marina. É o momento no que o volcán se fai visible.

Esto lévanos a outra pregunta... Que ocurrirá a partires de agora se o volcán non deixa de cuspir magma? A resposta é evidente: o cono volcánico será cada día máis grande, acabará por saír á superficie e seguirá expulsando rocha...

E, alehop! Teremos unha nova illa!

Non é a primeira vez que ocorre, claro. Para rematar, aquí vos deixo a imaxe dunha illa orixinada pola erupción dun volcán submarino. Chámase "Surtsey", naceu en Islandia hai 48 anos e na actualidade ocupa unha superficie de 1,41 Km2.

A islandesa illa de Surtsey

Que nome lle poremos á nova illa das Canarias?